top of page

 A NOSA HISTORIA


           Tuéjele Teatro comezou a súa andadura no ano 2012 no instituto Fernando Blanco de Cee (A Coruña) por iniciativa dun grupo de alumnas, coa coordinación dos profesores do departamento de Lingua Castelá do centro.

​

           Desde o primeiro momento, a dinámica interna do grupo xerou unha sinerxia especial entre os participantes nesta nova aventura. Creáronse vínculos estreitos que favoreceron o crecemento interpersonal e avivaron a hoguera da creatividade. O grupo de teatro converteuse nunha auténtica escola de emocións, un vivero para o desenvolvemento intelectual e afectivo que segue dando os seus froitos ano tras ano. Tuéjele é sinónimo de integración, traballo en equipo, compromiso e, como non, diversión, elementos que constituirán o aceno de identidade do grupo. Non en balde, acabou por converterse no principal dinamizador cultural do centro.

​

          Tuéjele nace con vocación integradora. Todo o mundo ten cabida no grupo. Só fai falta vontade, espírito colaborativo e, por suposto, paixón polo teatro. Pola agrupación pasaron alumnos de todos os grupos etarios, de diferentes etnias, de distintos niveis socioeconómicos, de procedencias xeográficas e culturais moi diversas, mozos e mozas con grados baixos de autoestima ou de capacidade de relación interpersonal ou, ata, persoas con discapacidades de índole variada. Todos eles aprenden a convivir no grupo e a apoiarse mutuamente no traballo colaborativo en pos dun obxectivo común. O resultado é sempre moi positivo, con independencia dos logros estéticos alcanzados. Nada resulta máis satisfactorio que ver traballar xuntas a persoas tan diversas e observar de primeira man como se vai producindo o seu crecemento persoal a través do feito de compartir experiencias co outro. Neste sentido, no noso centro o grupo de teatro hase erixido en modelo de convivencia e educación responsable.

​

         A través da práctica escénica búscase abrir ao máximo a percepción e adquirir unha actitude curiosa, inquisitiva, crítica con respecto a todo aquilo que rodea ao individuo. Ademais, o xogo de roles implicado no teatro axuda a comprender o punto de vista dos outros, a escoitar e aceptar os seus argumentos, e a relativizar a propia visión do mundo. E, por suposto, os textos que se traballan aportan temas e enfoques particulares que invitan á reflexión e a acción: o paso do tempo, a morte, as desigualdades sociais, a corrupción política, o valor, a amizade, o amor, etc. (por mencionar algúns que están presentes nas obras que representamos). Tuéjele aposta por un teatro comprometido no educativo e tanto as obras seleccionadas como o traballo de adaptación que se fixo sobre elas orientouse cara o reforzo da dimensión da actividade como un instrumento para a formación en valores.

En Tuéjele estamos convencidos de que o teatro é un instrumento para o desenvolvemento intelectual, pero tamén permite o desenvolvemento da intelixencia emocional e a creatividade.

​

        Como os investigadores nestas áreas do coñecemento puxeron de manifesto, o teatro é unha linguaxe total, unha ferramenta capaz de traballar ao mesmo tempo co cognitivo, o corporal, o cultural e o emocional.


         O xogo teatral axuda a desbloquear inhibicións facilitando a adquisición de confianza nun mesmo e nos outros. Tamén permite a exploración, sen trabas, do propio inconsciente, favorecendo o autodescubrimento. O alumno que fai teatro faise consciente das súas emocións e aprende os diferentes modos de expresalas, así como as consecuencias que esa expresión pode ter en quen escoita.
Na arte dramática, o mundo afectivo e o mundo racional intégranse sen fragmentar o conxunto do ser para dar lugar a unha mesma acción coordinada e natural. Esta combinación de intelixencias é o que outorga ao teatro toda a súa potencia como elemento pedagógico.

        O teatro é un auxiliar sumamente útil para a exploración de diferentes ámbitos do currículo. A través da montaxe das diferentes obras, os nosos alumnos aprenderon historia, literatura, xeografía, matemáticas...; aprenderon a relacionarse dun xeito diferente co espazo; desenvolveron as súas técnicas de lectura e de interpretación; introducíronse na arte da oratoria e a declamación; etc. Teñen, en suma, adquirido unha serie de capacidades e estratexias que foron, son e serán de moita axuda no desenvolvemento da súa vida académica.

​

       Tuéjele é a compañía de todos. Xa puxemos de manifesto a variedade no alumnado que a compón. Pero o proceso de preparación dunha montaxe teatral é longo e complexo e nel entran en xogo moitas persoas que son fundamentais aínda que non actúen sobre o escenario. O noso grupo teatral, neste sentido, suscita as súas funcións anuais como proxectos interdisciplinares nos que se implican profesorado e alumnado de diferentes áreas e materias. A adaptación e preparación textual son tarefas levadas a cabo polos departamentos de Lingua Castelá e Lingua Galega; a selección e interpretación da música en directo de cada montaxe débese ao departamento de Música; o departamento de Plástica, en colaboración co persoal non docente, encárganse do deseño da escenografía; o departamento de Electricidade ocúpase da iluminación; a coordinación das TICs asesora en materia informática e de efectos de son; etc. A todo isto hai que engadir colaboracións individuais, non específicamente vinculadas a áreas de coñecemento concretas, que non por pequenas resultan menos fundamentais para que os proxectos poidan chegar a bo porto.

​

       A compañía presenta as características propias dun grupo teatral escolar, cun elenco que se renova cada ano, o cal implica certas dificultades á hora de manter un repertorio. A súa composición oscilou, ao longo dos seis anos de vida do grupo, entre os 11 e os 19 membros, pertencentes a todos os grupos dos ensinos secundarios, desde 1º da ESO a 2º de Bacharelato, con incorporacións puntuais e temporais de alumnado de diferentes ciclos formativos.


      En canto á coordinación, esta recaeu basicamente nos profesores do Departamento de Lingua Castelá e Literatura, Fernando Castro Paredes e Marina Gómez Pose. Algún ano, nestas tarefas de organización e dirección participaron membros do Departamento de Lingua Galega e de Filosofía.

​

​

​

​

​

        Arriba, de esquerda á dereita: Cris Martínez, Andrea Rodríguez, Alex Verdía, Marina Gómez (coordinadora), Lucía Oca, Elisa Lema,     Marcos  Rodríguez Úbeda, Manuel Costa, Fernando Castro (coordinador)  e Manuel Canosa. Abaixo: Paula Pérez e Lucía Senra.  

bottom of page